22/4/09

Novos recursos para segundo bacharelato.

Na barra lateral, no apartado "Estudamos latín", tedes un enlace directo aos textos de Fedro, outro á Latin Library (biblioteca de autores latinos) e un adicado á literatura latina. Espero que vos sirvan para complementar a vosa preparación de cara a selectividade.E de regalo deixovos unha foto moi romana, anticipo do que vai vir.

7/3/09

Petición popular

Atendendo á vosa solicitude, ídevos preparando para os repasos do luns e martes: sistema verbal, participios, infinitivos, pronomes, oracións de infinitivo, participio absoluto e concertado, oración de relativo, oracións subordinadas circunstanciais... Alguén da máis?

24/2/09

Viaxe a Roma III. Panteón de Agripa

No ano 27 a.C., o xenro e conselleiro de Augusto, Marco Vepsanio AGRIPA, fixo construír este templo que adicou a tódolos deuses do Olimpo, principalmente a Marte e Venus, protectores da familia Xulia (Agripa estaba casado con Xulia, filla de Augusto) Chamóuselle Pantheon, palabra grega que significa "DE TÓDOLOS DEUSES"

P7131565

Sabemos que este non é o templo orixinal, que era rectangular e foi destruído por un incendio, senón que se trata dunha reconstrucción da época de Adriano

O seu nome non aparece nas inscripcións debido a que este emperador rexeitaba que o seu nome figurase nas obras levadas a cabo baixo o seu mandato. Pero as marcas de fábrica atopadas nos ladrillos corresponden aos anos 123–125, o que permite supoñer que o templo foi inaugurado polo emperador durante a súa estancia na capital entre 125 e 128. Aínda que non se sabe con certeza quen foi o arquitecto, o proxecto atribúeselle a Apolodoro de Damasco.

AF005601O edificio quedou composto por unha columnata a modo de pronaos, unha amplia cella redonda e unha estrutura prismática intermedia. A gran pronaos e a estrutura de unión coa cella ocuparon por completo o espazo do templo anterior, mentras que a rotonda foi construida sobre o espazo da praza augustea que separaba o panteón da basílica de Neptuno.AF005501

As dezaseis columnas da pronaos son monolíticas e de granito exipcio, no arquitrabe hoxe hai unha letras modernas, pero que ocupan os ocos que deixaron as antigas, de bronce, e coa inscripción M.AGRIPA L.F. COS. TERTIUM FECIT (Marco Agripa, Fillo de Lucio, Consul por Terceira vez, Fíxoo)

AF005701O que máis chama a atención é esa estrutura circular da cella, de 43,3 metros de diámetro, o mesmo que a altura máxima do edificio, polo que dentro podería albergarse unha gran esfera. Esa estrutura cilíndrica está rematada por unha gran bóveda hemisférica. Dise que a cúpula da Basílica de San pedro fíxose algo máis pequena por respeto a esta.A cúpula está aberta no alto cun gran orificio de 9 metros de diámetro, polo que entra a luz e tamén... a chuvia. Podedes consultar detalles técnicos da construcción no blog amigo INICIARTE.

É o primeiro caso de un templo pagano convertido ao culto cristiano. Por esta razón foi o único edificio da Antiga Roma que permaneceu intacto e en uso ininterrumpido. O edificio salvouse da destrucción a principio da Idade Media, porque xa en 608 o emperador bizantino Focas llo donou ao papa Bonifacio IV, que o transformou en igrexa cristiana (Santa María dos Mártires) dándolle un aniversario á festa de tódolos mártires (13 de maio), que máis tarde o papa Gregorio III converteu en festa de tódolos santos cambiando a data para o 1 de novembro en resposta ás celebracións paganas do Samaín no 31 de Outubro.

Como ocurría con outros edificios romanos, moitas das súas partes estaban revestidas en bronce (frontón, incripcións, casetóns interiores..) que desapareceu. Son diversas as opinións sobre a onde foi parar o bronce: para o baldaquín de Bernini o bronce do frontón por orde do papa Urbano VIII, para os canóns do Castell sant' Angelo...

Pantheon_Rom

Novos recursos

Veño de poñer na barra lateral uns novos enlaces a páxinas con cadros-resumo de morfoloxía e sintaxe. Xa vos aviso que no que se refire a conxunción CUM contén erros, polo que nese caso fiádevos mellor pola presentación que hai na Aula Virtual.

16/2/09

O ritmo do hexámetro

Temos explicado en clase que o ritmo da poesía latina tiña moito que ver coa música: as sucesións de longas e breves como se se tratase dunha partitura de negras e corcheas. A través do blog per tritam viam, cheganos agora a proba definitiva.

12/2/09

Musica para namorar

Escoitade, na voz de Suso Vaamonde, este fermoso poema do poeta de Cangas Bernardino Graña, Como hei vivir mañán sin a luz túa? do libro Se o noso amor e os peixes



11/1/09

Forum Romanum: Viaxe a Roma II

O Foro Romano era a zona central en torno á que se desenvolveu a antiga Roma e na que tiñan lugar o comercio, os negocios, a prostitución, a relixión e a administración de xustiza. Situado entre o Palatino, o Capitolio e o Esquilino, o Val do Foro parece ser o centro das primeiras vivendas, pero debido ao paludismo e as inundacións do Tíber, non comezou a ser o verdadeiro centro da vida de Roma ata finais do século VI a. X.C., época na que foi saneado e ordenado. O saneamento atribúese por tradición á dinastía dos Tarquinios, coa construción da Cloaca Máxima, que desembocaba no Tíber.

En principio, a función do Foro era comercial, como proban a presenza de tendas e lugares para celebrar o mercado, pero axiña comezaron a xurdir templos nos seus arredores: templo de Vesta, santuario de Vulcano (Lapis Niger), templo de Saturno, de Cástor e Pólux, de Xano. A Vía Sacra, que percorre a praza ata o templo de Xúpiter no Capitolio, débelle o seu nome á cantidade de templos polos que pasaba e ás procesións que a percorrían.

Perto do Capitolio levantábase a Curia, sé do senado romano, e en frente a praza do Comicio, onde se votaban as leis e se elixían maxistrados, presidida pola Tribuna dos Rostra, que toma o seu nome dos mascaróns de proa (rostra) das naves capturadas na batalla de Anzio (338 a X.C.) cos que foi decorada. Dende esta tribuna o pobo escoitaba aos oradores e maxistrados, sumándolle á función comercial e relixiosa do Foro tamén a función política, que se acentúa coa construcción das primeiras basílicas (Porcia, Opimia, Sempronia) para a administración de xustiza e tribunais.

Aquí tiñan os seus despachos os maxistrados e avogados, por el desfilaban pompas fúnebres, recitábanse eloxios fúnebres dende os Rostra, facíanse sacrificiós aos deuses, celebrábanse banquetes públicos (César ofreceu un no ano 45 a. X.C. para 20000 comensales durante varios días) e ata a construcción do Coliseo facíanse combates de gladiadores, o máis famoso foi o que organizou César sendo edil no ano 65 a. X.C., no que participaron 320 parellas de gladiadores.

A ordenación monumental da praza comeza coa construción da Basílica Emilia (179 a X.C.) e o eixe de orientación definitivo quedou marcado polo edificio do Tabulario, sé do arquivo do estado, uns cen anos despois. Xulio César, co traslado da Curia e Comicio e coa construcción da Basílica Xulia, e Augusto, pechando o cuarto lado co Templo de César Divinizado, completaron a ordenación do foro.

Nos inicios do Imperio a praza estaba tan ocupada que se foi ensanchando ata o alto da Velia, onde se levantaría o Arco de Tito, que marca o límite do novo Foro (Forum adiectum). Esta unión do foro vello co novo chamóuselle Forum Magnum, o que hoxe coñecemos como Foro Romano.

Coa chegada do Imperio pérdense as liberdades da época republicana e o Foro perde a súa importancia como centro da vida política e a vida pública vaise desplazando aos novos e cercanos Foros Imperiais , máis amplios e funcionais. O vello Foro queda como praza monumental, pero os emperadores non a descuidaron e seguiron levantando monumentos. Deles consérvanse bastante ben o Templo de Antonino Pío, os Arcos de Tito e de Septimio Severo, o Templo de Rómulo, a Basílica de Maxencio. O último monumento que se levantou, no ano 608 d. X.C., foi unha columna honoraria que se conserva, a Columna de Focas, emperador do Imperio de Oriente.