11/1/09

Forum Romanum: Viaxe a Roma II

O Foro Romano era a zona central en torno á que se desenvolveu a antiga Roma e na que tiñan lugar o comercio, os negocios, a prostitución, a relixión e a administración de xustiza. Situado entre o Palatino, o Capitolio e o Esquilino, o Val do Foro parece ser o centro das primeiras vivendas, pero debido ao paludismo e as inundacións do Tíber, non comezou a ser o verdadeiro centro da vida de Roma ata finais do século VI a. X.C., época na que foi saneado e ordenado. O saneamento atribúese por tradición á dinastía dos Tarquinios, coa construción da Cloaca Máxima, que desembocaba no Tíber.

En principio, a función do Foro era comercial, como proban a presenza de tendas e lugares para celebrar o mercado, pero axiña comezaron a xurdir templos nos seus arredores: templo de Vesta, santuario de Vulcano (Lapis Niger), templo de Saturno, de Cástor e Pólux, de Xano. A Vía Sacra, que percorre a praza ata o templo de Xúpiter no Capitolio, débelle o seu nome á cantidade de templos polos que pasaba e ás procesións que a percorrían.

Perto do Capitolio levantábase a Curia, sé do senado romano, e en frente a praza do Comicio, onde se votaban as leis e se elixían maxistrados, presidida pola Tribuna dos Rostra, que toma o seu nome dos mascaróns de proa (rostra) das naves capturadas na batalla de Anzio (338 a X.C.) cos que foi decorada. Dende esta tribuna o pobo escoitaba aos oradores e maxistrados, sumándolle á función comercial e relixiosa do Foro tamén a función política, que se acentúa coa construcción das primeiras basílicas (Porcia, Opimia, Sempronia) para a administración de xustiza e tribunais.

Aquí tiñan os seus despachos os maxistrados e avogados, por el desfilaban pompas fúnebres, recitábanse eloxios fúnebres dende os Rostra, facíanse sacrificiós aos deuses, celebrábanse banquetes públicos (César ofreceu un no ano 45 a. X.C. para 20000 comensales durante varios días) e ata a construcción do Coliseo facíanse combates de gladiadores, o máis famoso foi o que organizou César sendo edil no ano 65 a. X.C., no que participaron 320 parellas de gladiadores.

A ordenación monumental da praza comeza coa construción da Basílica Emilia (179 a X.C.) e o eixe de orientación definitivo quedou marcado polo edificio do Tabulario, sé do arquivo do estado, uns cen anos despois. Xulio César, co traslado da Curia e Comicio e coa construcción da Basílica Xulia, e Augusto, pechando o cuarto lado co Templo de César Divinizado, completaron a ordenación do foro.

Nos inicios do Imperio a praza estaba tan ocupada que se foi ensanchando ata o alto da Velia, onde se levantaría o Arco de Tito, que marca o límite do novo Foro (Forum adiectum). Esta unión do foro vello co novo chamóuselle Forum Magnum, o que hoxe coñecemos como Foro Romano.

Coa chegada do Imperio pérdense as liberdades da época republicana e o Foro perde a súa importancia como centro da vida política e a vida pública vaise desplazando aos novos e cercanos Foros Imperiais , máis amplios e funcionais. O vello Foro queda como praza monumental, pero os emperadores non a descuidaron e seguiron levantando monumentos. Deles consérvanse bastante ben o Templo de Antonino Pío, os Arcos de Tito e de Septimio Severo, o Templo de Rómulo, a Basílica de Maxencio. O último monumento que se levantou, no ano 608 d. X.C., foi unha columna honoraria que se conserva, a Columna de Focas, emperador do Imperio de Oriente.

26/12/08

Outro textiño, e vale xa por Nadal.


Otón explícalles aos seus soldados os motivos polos que se vai suicidar.

Petentibus militibus, ne tam cito de belli desperaret eventu, cum tanti se non esse dixisset, ut propter eum bellum civile moveretur, voluntaria morte obiit tricesimo et octavo aetatis anno, nonagesimo et quinto imperii die.



NE depende de petentibus

Completiva de inf. TANTI...ESSE

TANTI xen. dependendo de verbo (esse), coñecido como xenitivo de precio ou estimación.

Neste textiño temos de todo, que máis se pode pedir? NE, UT, CUM, INF., xenitivo adverbal, participio (aparentemente absoluto, pero ollo...)

21/12/08

Textos de Eutropio para divertirse no Nadal

Aí vai o primeiro texto, protestóns, que levo varios días cun gripazo...

Despois de Galba, Otón faise co poder. Axiña lle xurde un competidor polo poder, Vitelio.


Otho occiso Galba invasit imperium, materno genere nobilior quam paterno, neutro tamen obscuro. In privata vita mollis et Neroni familiaris, in imperio documentum sui non potuit ostendere. Nam cum isdem temporibus, quibus Otho Galbam occiderat, etiam Vitellius factus esset a Germanicianis exercitibus imperator, bello contra eum suscepto cum apud Betriacum in Italia levi proelio victus esset, ingentes tamen copias ad bellum haberet, sponte semet occidit.

Eu sonche Vitelio, e douvos uns consellos:
Poñede coidado na traducción das palabras familiaris e documentum
Hai dúas oracións de cum
Observade que ese TAMEN vai despois da oración de cum, realmente é unha conxunción adversativa que toma valor concesivo.

Expoñede as dúbidas en forma de comentario, e dende os comentarios teredes resposta.

14/12/08

Preparando a viaxe a Roma: O coliseo

Do latín Colosseum, orixinalmente recibiu o nome de Anfiteatro Flavio, pois a súa construcción levouse a cabo baixo a dinastía Flavia. A obra comezou baixo Vespasiano (entre o 70 e 72 d.C.), inaugurouse baixo Tito no ano 80 d.C. e foi reformada polo seu irmán Domiciano. Foi o anfiteatro máis grande do Imperio Romano e tiña un aforo de 50.000 espectadores.

Utilizouse durante máis de 500 anos, e nel tiveron lugar as loitas de gladiadores (munera), pero tamén se celebraban naumaquias (recreacións de batallas navais, pero tal vez só nos primeiros anos, antes de construírse os sotos baixo a arena), caza de animais (venationes), recreación de batallas famosas, execucións (noxii) e representacións teatrais.

O auxe do cristianismo fixo que fosen abandonándose os actos máis sanguentos, de tal xeito que o último combate de gladiadores está documentado no ano 404 d. C., manténdose os sacrificios de animais ata o ano 523 d. C. Como curiosidade diremos que, segundo afirma o historiador Dión Casio, os festexos de inauguración duraron 100 días, ao longo dos cales se sacrificaron 5000 animais.

O coliseo veu sustituir ao primeiro gran anfiteatro de Roma, que estaba situado na Campo de Marte, e que fora construido en madeira no ano 29 a. C. por mandato do cónsul Estatilio Tauro. Este anfiteatro quedou destruido no famoso incendio de Roma do 64 d. C., baixo Nerón. Foi precisamente nos terreos da Domus Aurea neroniana (complexo pacego levantado por Nerón tralo incendio), no espacio chá que ocupaba o estanque de Nerón (stagnum Neronis), onde se levantou o Coliseo, unha actuación de Vespasiano enmarcada nun plan para restituir á facenda pública o roubado por Nerón.

2/12/08

Casas Romanas

Botádelle un ollo a estes vídeos sobre as casas romanas.