O Foro Romano era a zona central en torno á que se desenvolveu a antiga Roma e na que tiñan lugar o comercio, os negocios, a prostitución, a relixión e a administración de xustiza. Situado entre o Palatino, o Capitolio e o Esquilino, o Val do Foro parece ser o centro das primeiras vivendas, pero debido ao paludismo e as inundacións do Tíber, non comezou a ser o verdadeiro centro da vida de Roma ata finais do século VI a. X.C., época na que foi saneado e ordenado. O saneamento atribúese por tradición á dinastía dos Tarquinios, coa construción da Cloaca Máxima, que desembocaba no Tíber.
En principio, a función do Foro era comercial, como proban a presenza de tendas e lugares para celebrar o mercado, pero axiña comezaron a xurdir templos nos seus arredores: templo de Vesta, santuario de Vulcano (Lapis Niger), templo de Saturno, de Cástor e Pólux, de Xano. A Vía Sacra, que percorre a praza ata o templo de Xúpiter no Capitolio, débelle o seu nome á cantidade de templos polos que pasaba e ás procesións que a percorrían.
Perto do Capitolio levantábase a Curia, sé do senado romano, e en frente a praza do Comicio, onde se votaban as leis e se elixían maxistrados, presidida pola Tribuna dos Rostra, que toma o seu nome dos mascaróns de proa (rostra) das naves capturadas na batalla de Anzio (338 a X.C.) cos que foi decorada. Dende esta tribuna o pobo escoitaba aos oradores e maxistrados, sumándolle á función comercial e relixiosa do Foro tamén a función política, que se acentúa coa construcción das primeiras basílicas (Porcia, Opimia, Sempronia) para a administración de xustiza e tribunais.
Aquí tiñan os seus despachos os maxistrados e avogados, por el desfilaban pompas fúnebres, recitábanse eloxios fúnebres dende os Rostra, facíanse sacrificiós aos deuses, celebrábanse banquetes públicos (César ofreceu un no ano 45 a. X.C. para 20000 comensales durante varios días) e ata a construcción do Coliseo facíanse combates de gladiadores, o máis famoso foi o que organizou César sendo edil no ano 65 a. X.C., no que participaron 320 parellas de gladiadores.
A ordenación monumental da praza comeza coa construción da Basílica Emilia (179 a X.C.) e o eixe de orientación definitivo quedou marcado polo edificio do Tabulario, sé do arquivo do estado, uns cen anos despois. Xulio César, co traslado da Curia e Comicio e coa construcción da Basílica Xulia, e Augusto, pechando o cuarto lado co Templo de César Divinizado, completaron a ordenación do foro.
Nos inicios do Imperio a praza estaba tan ocupada que se foi ensanchando ata o alto da Velia, onde se levantaría o Arco de Tito, que marca o límite do novo Foro (Forum adiectum). Esta unión do foro vello co novo chamóuselle Forum Magnum, o que hoxe coñecemos como Foro Romano.
Coa chegada do Imperio pérdense as liberdades da época republicana e o Foro perde a súa importancia como centro da vida política e a vida pública vaise desplazando aos novos e cercanos Foros Imperiais , máis amplios e funcionais. O vello Foro queda como praza monumental, pero os emperadores non a descuidaron e seguiron levantando monumentos. Deles consérvanse bastante ben o Templo de Antonino Pío, os Arcos de Tito e de Septimio Severo, o Templo de Rómulo, a Basílica de Maxencio. O último monumento que se levantou, no ano 608 d. X.C., foi unha columna honoraria que se conserva, a Columna de Focas, emperador do Imperio de Oriente.
1 comentario:
Se que non ven moito ao tema desta entrada, moi interesante por certo, pero é que teño que defender a permanencia da canción de "dinamita para os pollos". Éche unha alegria entrar aquí ahora.
Xoán
Publicar un comentario